CineMazarelos

Cine barato

Festival Cine Barato

Usualmente asociamos os festivais de cine tan só á proxección de películas. Quen estamos neste proxecto (a xente do Cineclube Compostela, Club de cine Facom e CineMazarelos) adicamos moitas horas a proxectar películas, cremos que poder ver cine en salas e en aberto, totalmente de balde, ten moito valor. Pero tamén cremos que non é suficiente, por iso acompañamos cada sesión dunha presentación e un coloquio posterior con todes es asistentes. Por isto, cando se nos presentou a oportunidade de facermos un festival entre todes (diferentes organización afincadas na mesma cidade), pensamos que esa asociación usual entre festival e só proxección se nos quedaba corta.

Démoslle un par de voltas a como mesturar diferentes actividades relacionadas co cinema, como obradoiros que involucraran ás persoas doutro xeito: non queremos que o cine se limite á proxección e ao visionado, non queremos que se asocie facer películas con facelas con moitos cartos. Ao contrario, sabemos que existe o cinema sen recursos e cremos que calquera o pode facer. Así, chegamos a unha idea máis delineada: si, haberá proxeccións, pero de cine amateur e sen financiación; e si, haberá tamén obradoiros para poder aprendermos formas de cine alternativas ás grandes producións que xa todes coñecemos e que pouco teñen que ver coa nosa vida. Foi así como chegamos ao Cine Barato.

Cine Barato é un festival con tan poucos recursos como as películas que proxecta: non gañamos cartos, nin fai falla pagar entrada (aínda que podedes deixar donativos na nosa taquilla inversa para cubrir gastos como transportes e dietas). Todas as nosas actividades estarán abertas en para quen queira vir en Santiago de Compostela o 24,25 e 26 de abril.

Que tipo de actividades podedes agardar? Iremos concretando as proxeccións e os obradoiros en breves (estade atentes!), pero polo de pronto xa podedes acceder e participar no que é a idea que nos acompañou en todo o proceso de montar o festival: a Jam.

A jam

A idea da Jam é algo que acompaña ao Cine Barato dende antes de que este tivese nome, mesmo dende antes de que soubésemos en que dias ía ser. Temos moitas ganas de ver o que se pode crear en tres semanas, cos mínimos recursos, pero con moitas ganas. As cousas feitas deste xeito, ao barato, teñen moito valor, xa veredes porque o dicimos. Pero estámonos adiantando, imos ir por partes:

Qué é unha Jam?

Na actualidade é común utilizalo para referirse aos encontros de desarrolladores de videoxogos que, nun tempo limitado, teñen que crear dende cero un videoxogo orixinal seguindo un listado de normas e temáticas establecidas pola organización. Así pois, nós propoñemos unha jam de cine, coas seguintes normas e temática:

As normas da nosa Jam:

  • A duración máxima das curtas é de 5 minutos
  • O resultado ten que ser orixinal e non estar publicado con anterioridade
  • Pódese crear partindo de imaxes preexistentes, pero repetimos, o resultado ten que ser orixinal
  • O formato da curta pode ser o que queirades: animación stop-motion, grabar coa cámara do móvil, capturar unha pantalla… podedes ser todo o imaxinatives que queirades!! Deixarémosvos enderezos a exemplos de formatos chulos na páxina de cinemazarelos.com/cine_barato
  • Para participar tédesnos que mandar un correo a [email protected] co voso nome, o título da curta e o arquivo da mesma. Tamén necesitamos que subades a vosa curta a YouTube, Viemo ou Drive (ou o subimos nós se o preferides!) e nos pasedes o enlace para así podelas alonxar na nosa web cando remate a jam
  • Todas as curtas teñen que seguir a temática proposta, que é…

A temática: O valor

Como o ledes! A temática escollida é a do valor. E vos preguntaredes, como que o valor? De qué me están a falar? Do chocolate? Pois si!! Entre moitas outras cousas, obviamente.

Podedes atopar moitísimas acepcións do que significa “O Valor”, e podedes utilizar todas e cada unha delas!

Datas importantes:

A partires do día 22 de marzo empezamos a recibir curtas e teredes tempo de envialas ata o día 17 de abril! Durante este tempo habilitaremos unha canle de telegram para que as persoas que participades na Jam poidades falar entre vós, pasarvos material, compartir ideas, preguntarnos cousas á organización, etc.

A seguinte data relevante é o venres día 25 de abril, día no cal proxectaremos as curtas como peche do noso Cine Barato. Isto será nun local de Santiago de Compostela, aínda por confirmar, con entrada de balde ata completar aforo!

Despois deste día colgaremos os enlaces das curtas a cinemazarelos.com/cine_barato para que queden accesibles!